Unanimidade no Parlamento para que a Galiza “aproveite” a lusofonia

Texto escrito em galego:

“Este é o día en que Galiza en rompemos unha fenda histórica ou volvemos unir o que a historia separou”, así celebrou Xosé Morell, voceiro dos promotores da ILP (Iniciativa Legislativa Popular), Valentín Paz Andrade, a toma en consideración por unanimidade no Parlamento da proposta para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

Os catro grupos da Cámara deron o seu apoio a unha iniciativa que se compromete “co aproveitamento das potencialidades” da lingua do país e que agora debe levar as autoridades a “valorizar o galego como unha lingua con utilidade internacional”, tendo en conta que o achegamento ao portugués implica facelo a un “idioma de traballo de vinte organizacións internacionais, incluída a UE, e lingua oficial de nove países” entre os que figuran “potencias económicas como o Brasil”.

Foi un si rotundo a unha ILP apoiada por máis de 17.000 sinaturas e que Xosé Morell defendeu como a ocasión “de faceren ver non só ao empresariado, senón a todos os galegos galegas, aos nosos fillos e fillas” a existencia dunha “lingua extensa e útil, cunha dignísima historia de séculos e un inmeso futuro por diante , como o que ten este país”.

E foi unánime, aínda que o PP quixo deixar claro o carácter “estranxeiro” do portugués e a súa negativa a revisar calquera aspecto da normativa do galego.

Os argumentos da comisión promotora foron culturais e lingüísticos, pero tamén económicos a favor das potencialidades dun idioma co que os galegos poden entenderse con outros 250 millóns de persoas. “A crise contrasta coa auxe de novas potencias como o Brasil, Angola ou Macau”, lembrou o membro da comisión promotora ante un Parlamento ao que recordou que a economía brasileira “xa é a quinta maior do mundo e a primeira de América Latina”.

“Os galegos e galegas poden aproveitar un potencial económico ata hoxe desaproveitado, abrindo as portas a un universo en expansión, onde os galegos e galegas podemos estar por dereito propio”, engadiu Morell, que advertiu tamén que mentres en Estremadura e en Andalucía “son milleiros” os nenos que aprenden portugués, en Galicia tan só hai 600, o que supón “un déficit que cómpre corrixir o antes posíbel”. Así, pediu “unha pluralidade de medidas” para a incorporación do enisno deste idioma no país, unha promesa de Feijóo da que nada se sabe catro anos despois. Ler o artigo completo.

Foto: Morell, na defensa da ILP

 

Artigos relacionados:




Subscreva as nossas informações
Scroll to Top