Epistolario entre o escritor e tradutor brasileiro Paulo Rónai e Valentín Paz Andrade

Hoxe, 5 de maio, é o Dia Mundial da Lingua Portuguesa. Co gallo desta efeméride o Consello da Cultura Galega publica un especial que inclúe o epistolario entre o escritor e tradutor brasileiro Paulo Ronai e Valentín Paz Andrade. 52 cartas que amosan como a acollida da literatura brasileira en Galicia e da literatura galega no Brasil deste período lles debe moito a estes dous intelectuais que uniron as dúas puntas do océano. Acompáñase da entrada no Álbum de Galicia de Pilar Vázquez Cuesta, escritora, filóloga e intelectual hispanista de traxectoria universitaria principalmente lusitanista.

O EPISTOLARIO DE PAULO RÓNAI CON VALENTÍN PAZ-ANDRADE

Estas cincuenta e dúas cartas, que o escritor e tradutor brasileiro Paulo Rónai escribe a Valentín Paz-Andrade entre os anos 1974 e 1988, poñen en evidencia, alén da gran amizade e das confidencias persoais, o profundo coñecemento de ambos a respecto do escenario cultural da época nos seus respectivos países. A través das cartas podemos percibir como a acollida da literatura brasileira en Galicia e da literatura galega no Brasil deste período, lles debe moito a estes dous intelectuais que uniron as dúas puntas do océano. As epístolas revelan a relación crítica-reflexiva das lecturas que realizaban das súas respectivas producións intelectuais. A lectura desta correspondencia permite coñecer e seguir ao longo dos anos os proxectos conxuntos que estaban a elaborar como por exemplo a tradución do libro de Valentín Paz-Andrade por Paulo Rónai: A galecidade na obra de Guimarães Rosa do que as cartas nos descubren o seu proceso de elaboración. Esta obra é unha adaptación a partir do discurso pronunciado polo intelectual galego para a súa entrada como membro na Real Academia Galega en 1978. As cartas dan noticias de que Paz-Andrade informaba ao amigo do proceso de elaboración do discurso.

Paulo Rónai con Valentín Paz-andrade (Arquivo persoal Valentín Paz-Andrade)

É posible percibir que, ao mesmo tempo que Paz-Andrade escribe esta tese sobre a galeguidade en Guimarães Rosa, prepara ao amigo no coñecemento e estudo da lingua galega, enviándolle obras de autores galegos e introducíndoo na vida cultural de Galicia. Os premios recibidos por Rónai foron celebrados con Paz-Andrade, especialmente o premio Jabuti en 1984, pois foi concedido pola tradución desta obra de Valentín Paz-Andrade.

Paulo Rónai e as súas fillas Cora e Laura (Arquivo persoal)

 

BIOGRAFIA DE PAULO RÓNAI

Xudeu de orixe húngara, fuxido de Europa en 1940 pola persecución nazi, Paulo Ronái foi un destacado profesor, tradutor e escritor do Brasil, clave na articulación dos estudos de tradución no país americano e na difusión internacional da literatura portuguesa no mundo. Nesta biografía podes coñecer máis sobre o seu periplo intelectual e vital.

 

PILAR VÁZQUEZ CUESTA

Neste Día Mundial da Língua Portuguesa, publicamos tamén no Álbum de Galicia a biografía de Pilar Vázquez Cuesta. Escritora, filóloga e intelectual hispanista, lusófila e galaicista de traxectoria universitaria principalmente lusitanista, e recoñecida pola súa promoción da cultura galega no mundo e desta no lusitanismo.

Subscreva as nossas informações
Scroll to Top